Olafson Mokk

Olafson Mokk

miércoles, 22 de febrero de 2012

LAPSUS FACHAE

Os psicoanalistas da escola de Freud opinaban que o subconsciente  podería  manifestarse sen represións no estado de hipnose, nos ataques de histeria, coa utilización de certas drogas e nos lapsus linguae, esas meteduras de pata parvas ou moi serias que todos cometemos algunha vez cando tentamos dicir unha verdade na que non cremos ou agochar unha mentira,  e vémonos sorprendidos pronunciando con todas as palabras algo que queriamos disimular.
  O xefe da policía de Valencia calificou de inimigos aos estudantes que reclamaban calefacción para o seu centro de ensino. Se a palabra inimigo foi froito dun lapsus, o xefe da policía é un redomado facha, pois o termo que empregou, tan brutal, é o que emprega consigo propio cando pensa nos cidadáns manifestantes. Pola contra, se o termo inimigo non foi un lapsus, o xefe da policía de Valencia é un perigoso facha. Realmente ten facha de facha, pero as veces as fachadas poden non axustarse a aquela expresión que di que a faciana é o espello da alma. A súa perruca negra e os olliños apinochetados, con brillo de cadelo chivato que acompaña aos cans de presa e morde nos nocellos, e o seu puñetazo na mesa cando falou dos inimigos  producen inquedanza,  a súa imaxe e os seus xestos retrotransportáronme aos tempos nos que a rúa era de Fraga Iribarne, con permiso de Luz Pozo.
   Eu, malia ser constructor de monumentos, algúns deles de gran tamaño, nunca participei nas fallas de Valencia, entre outras razóns porque cando os constrúo desexo que pervivan. Sentiría moita tristura cando vese arder unha das miñas obras. Sen embargo, ao mellor este ano anímome. Non tería que pasar demasiado traballo xa que unicamente se trataría de desmontar un monumento, construído con materiais bastante lixeiros, que ubiquei o martes de entroido do ano 1997 diante do edificio do Concello de Ramodnog e que por decisión municipal nunca foi desmantelado. No meu país (un dos dous paises meus porque teño dobre nacionalidade, gurzonia e galega) tamén se celebra o entroido con costumes moi semellantes aos de aqui, e fanse coplas bulreiras. Naquela ocasión convidáranme a ler o pregón do entroido e nun parágrafo fixen unha brincadeira verbal coas contínuas meteduras de pata do rexedor municipal, da Escola de Caneda, artífice da marabillosa frase "temos que drogar o río" no canto de ter que dragalo. Engadía eu que se drogaba o río,  Ramodnog resultaría ingobernable porque a cidadanía e parte da corporación andarían a cotío en estado xeral de flipe e colocón, e que só se salvaría o señor alcalde porque a auga non a probaba.  

  Estou seguro de que o ninot gañador do próximo certame das Fachas, perdón polo lapsus, das Fallas de Valencia vai ser o que represente a este perigoso xefeciño bananeiro, de corpo pequeno e enorme mala carraxe. Ogallá que a súa frase contra os inimigos só fose unha metedura de pata, pero temo que non, temo que é unha manifestación máis da súa ideoloxía. Polo ben de todos, que o cesen, non vaia suceder que alguén, no canto de meter a pata, estarrique a pata por culpa dos seus métodos.




                                                        OLAFSON MOKK

No hay comentarios:

Publicar un comentario