Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 9 de junio de 2012

Máis monumentos e outras obras

   Cumprindo coa petición do meu prezado amigo Ferdinad Abott e da súa amada esposa María Ocius, publico algúns dos máis representativos monumentos e outras obras da miña autoría realizadas ao longo de tres décadas. Se a saúde e as xogadas do Destino mo permeten, seguirei aportando a miña arte na tarefa de construir un mundo mellor. Confórmome con que se cumpran tres condicións para que poidamos calificar ao mundo futuro como un mundo mellor. Son tres condicións moi vellas, concebidas aló polo ano 1789 en adiante e que están moi lonxe de verse realizadas: igualdade, fraternidade e legalidade para un novo mundo. 
   Estas son algunhas das miñas obras que só se poden contemplar en directo se vostedes viaxan a Gurzonia ou á Republica de Socrutia. O señor Alberto Fernández Alubia, Vicerrei de Galiza, xamais consentirá que ningunha delas se ubique dentro das fronteiras do seu territorio medieval, o que para min constitúe un grandísimo honor.




               Monumento aos pescadores (1982). Praia de Haüperius (República de Inmeria).

                Monumento ás clavixas das tendas de campaña (1987), instalado no camping de Laburcia
                             (Cantón de Borcia) en Gurzonia.



       "O suicidio do robot", obra de Olafson Mokk pertencente á exposición colectiva sobre Arte e
        Robótica celebrada do 6 ao 15 de xaneiro de 1993 en Reistinache e posteriormente en Mimbrano  (Gurzonia) con obras de Artemio Glupp, Gróncholis Oubea, Xirando Poseidón, Frandol Flokk e Xandamacurga von Sprit.



              Monumento ás escaleiras de man (2010), situado en Tiscifal do Coronete (Gurzonia).



                      Despídome afectuosamente de todos/as vostedes até o meu regreso das amadas terras gurzonias previsto para o mes de setembro do presente ano. Saúde e República.  

                                                                          OLAFSON MOKK.


Despídome temporalmente



      Non volverei publicar os meus pensamentos até finais do verán. Marcho á miña terra de nacencia, Gurzonia, coa intención de comezar a construir unha instalación urbana contra a agresión do capital, unha denuncia contra os banqueiros sen escrúpulos (¿hainos con escrúpulos?) que son como arañas que agardan silandeiras unha vítima a quen atrapar, mesmo a súbditos que non sabían ler, tal como fixeron eses entes zugamoscas que antes eran Caixanova e Caixa Galicia  e agora son un Banco que, polo visto, teremos que rescatar todos cos nosos diñeiros para que uns poucos se dean a gran vida. Como en Galiza é imposibel construir esta instalación urbana, regreso temporalmente ao meu país de orixe onde si está permitido e mesmo subvencionado todo xeito de actividade artística, incluidas as que serven para protestar e concienciar. Así, a alcaldesa de Mimbrano, co apoio da Corporación Municipal, aceptan e animan a que eu realice a miña protesta que consistirá na ensamblaxe de materiais moi lixeiros enriba dun bloque de edificios situados fronte ao Banco Nacional de Gurzonia. Esta instalación estará rematada a finais do mes de agosto e desmantelareina no mes de decembro, catro meses de protesta non só consentida senón apoiada por uns políticos locais que si cren na auténtica democracia.  

   Aproveito a ocasión, nesta despedida transitoria (se así o permete o Destino) para satisfacer a petición dun ilustre seguidor dos meus Pensamentos, o ínclito Ferninad Abott, quen delicada pero teimudamente me solicita que publique máis monumentos dos que realicei ao longo da miña nin curta nin longa vida. Cumpro co seu desexo ao tempo que o animo, a el e a todos/as vostedes a que viaxen a Gurzonia ou a Socrutia para contemplalos na realidade. En diversos pobos e cidades, e mesmo en plena natureza, permanecen ben coidados e protexidos polos cidadáns (alí a xente é cidadán/á, ou habitantes dos pobos, aquí as xentes somos súbditos da Coroa Española) e polas autoridades. Van, pois, a continuación, as imaxes dos máis representativos.




                       Monumento ás escritoras e escritores (1975). Praia de Ömbrux (Socrutia)




                      Monumento aos galos (2002) situado na entrada do Pavillón Cöstroe, espazo público
                      destinado aos Artistas Ceibes no Concello de Stremburce (Gurzonia).









                     Monumento aos antigos deuses socrutos, situado na Praza da Epopea en
                     Pertovo, capital da República de Socrutia (2005).



                     Monumento aos ópticos/as (2011). Ruela dos Desvairados da Padua do
                     Ciringal (Gurzonia).


     Publico, a seguir, novos monumentos nunha nova entrada
titulada máis monumentos.

                                                   Saúde                                           OLAFSON MOKK