Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 9 de junio de 2012

Despídome temporalmente



      Non volverei publicar os meus pensamentos até finais do verán. Marcho á miña terra de nacencia, Gurzonia, coa intención de comezar a construir unha instalación urbana contra a agresión do capital, unha denuncia contra os banqueiros sen escrúpulos (¿hainos con escrúpulos?) que son como arañas que agardan silandeiras unha vítima a quen atrapar, mesmo a súbditos que non sabían ler, tal como fixeron eses entes zugamoscas que antes eran Caixanova e Caixa Galicia  e agora son un Banco que, polo visto, teremos que rescatar todos cos nosos diñeiros para que uns poucos se dean a gran vida. Como en Galiza é imposibel construir esta instalación urbana, regreso temporalmente ao meu país de orixe onde si está permitido e mesmo subvencionado todo xeito de actividade artística, incluidas as que serven para protestar e concienciar. Así, a alcaldesa de Mimbrano, co apoio da Corporación Municipal, aceptan e animan a que eu realice a miña protesta que consistirá na ensamblaxe de materiais moi lixeiros enriba dun bloque de edificios situados fronte ao Banco Nacional de Gurzonia. Esta instalación estará rematada a finais do mes de agosto e desmantelareina no mes de decembro, catro meses de protesta non só consentida senón apoiada por uns políticos locais que si cren na auténtica democracia.  

   Aproveito a ocasión, nesta despedida transitoria (se así o permete o Destino) para satisfacer a petición dun ilustre seguidor dos meus Pensamentos, o ínclito Ferninad Abott, quen delicada pero teimudamente me solicita que publique máis monumentos dos que realicei ao longo da miña nin curta nin longa vida. Cumpro co seu desexo ao tempo que o animo, a el e a todos/as vostedes a que viaxen a Gurzonia ou a Socrutia para contemplalos na realidade. En diversos pobos e cidades, e mesmo en plena natureza, permanecen ben coidados e protexidos polos cidadáns (alí a xente é cidadán/á, ou habitantes dos pobos, aquí as xentes somos súbditos da Coroa Española) e polas autoridades. Van, pois, a continuación, as imaxes dos máis representativos.




                       Monumento ás escritoras e escritores (1975). Praia de Ömbrux (Socrutia)




                      Monumento aos galos (2002) situado na entrada do Pavillón Cöstroe, espazo público
                      destinado aos Artistas Ceibes no Concello de Stremburce (Gurzonia).









                     Monumento aos antigos deuses socrutos, situado na Praza da Epopea en
                     Pertovo, capital da República de Socrutia (2005).



                     Monumento aos ópticos/as (2011). Ruela dos Desvairados da Padua do
                     Ciringal (Gurzonia).


     Publico, a seguir, novos monumentos nunha nova entrada
titulada máis monumentos.

                                                   Saúde                                           OLAFSON MOKK

1 comentario:

  1. Boa viaxe, Olafson, que todo saia ben. Moitas lembranzas a Fretuy Grefser, Himur Fretoi, Fredesca Fremeni, Luisa Van der Piñeiro e especialmentre a Míchigan Bandesiro e Rudesinda Descotrius.

    ResponderEliminar