Olafson Mokk

Olafson Mokk

miércoles, 15 de febrero de 2012

A TRANSPARENCIA

  Un dos comentarios insensatos, de entre tantos que a xente larga pola boca ou coa pluma, que máis carraxe me produce é o ingrato tópico de que os políticos/as son todos uns corruptos. Calificar á clase política dese xeito non só é insensato senón, sobre todo, profundamente ingrato e inxusto. Eu afirmo que non é certo, e que non hai máis que revisar a Historia. Coñecín e coñezo xentes dedicadas á Política con auténtico afán de servizo, persoas que dedican moitas horas, ou todas, do día coa ilusión de tentar solucionar os problemas da colectividade, vocacionais e mesmo soñadores/as dun mundo mellor. Moitos e moitas fixeron e fan grandes esforzos e incuestionables sacrificios -algúns o da propia vida- defendendo con altruismo valores de ben e de xustiza para todos, loitando polo benestar dos pobos aos que representan.
   ¡Claro que hai políticos corruptos!, e carniceiras, e pallasos, e domadores, e profesores, e médicas, e avogados, e actrices, e xastres, e empresarias, e soldadores, e presidentes de clubes de futbol, e obreiros da construcción, e vendedoras ambulantes... pero son excepcións. Sinxelamente sucede que o ámbito de influencia e de decisións dun político/a é inmensamente máis amplo co que podemos ter os que nos dedicamos a outras profesións. O simplismo da afirmación de que os políticos son corruptos cheira mal, fede a rancio alento reaccionario, ule ás proclamas daqueles que desexarían que Franco resucitase. Os que se autodenominan apolíticos confírmanse como negadores da esencia social do ser humano, da antiquísima distribución de funcións que xa nacera no Neolítico e que os gregos souberon definir como representantes da organización da Polis.
  Undangarín non é un político senón un tafur sen escrúpulos, un ladrón que roubou onde puido pero que tería roubado ata a arxila dun obradoiro, en definitiva un canalla porque roubar ao país e roubar máis ca nada aos pobres, que os hai a milleiros. Os familiares que sabían das súas andainas tamén son uns corruptos. O único que teño constatado verbo da corrupción dos políticos/as é que ao longo da historia se dan moitos máis casos entre os de dereitas que entre os de esquerdas. Por algo será.
  Na Política, como en todas as profesións, cómpre saber retirarse a tempo ante a tentación ou ante a falta de clarividencia para seguir no trafego, e retirarse sen salferir mala baba ou sen rachar as ilusións colectivas.
  No ano 2001, diante da sospeita de que había negocios turbos por parte do alcalde da vila de Nordal (Gurzonia), construín un sinxelo Monumento á Transparencia que ubiquei diante da Casa do Concello. Este feito desencadeou unha serie de actos reivindicativos que desencerellaron a trama corrupta e provocaron a dimisión do alcalde. O monumento converteuse nun símbolo e hoxe está instalado no fermoso Val de Nordal. Alí, en Gurzonia, non existen os vándalos brutais e incultos que destrúen o patrimonio común, como sucede neste maleducado país (ao que, por certo, se lle suprime a asignatura de Educación pola Cidadanía), e segue resplandecendo; a xente non lle guinda pedras para crebar o cristal, nin o pinta con esprais, senón que lle saca brillo. Diante dos edificios dos Parlamentos e dos Concellos, e de todos os locais públicos ou privados onde se tomen decisións que afecten á cidadanía, deberiamos ubicar réplicas deste monumento e desa maneira observariamos, cando rematen as reunións decisorias e os artífices regresen ás súas casas, quen torce a cara ao enfrontarse ao cristal e quen mira con claridade ao seu través.





                           Saudiña. OLAFSON MOKK.



   

No hay comentarios:

Publicar un comentario