Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 11 de febrero de 2012

Dancemos e cantemos, benditos/as.

   ¿Que podemos facer ante tanto descalabro? preguntoume un amigo, a min que non son case ninguén, que na suma son só eu e as xentes que amo e na resta son eu menos as circunstancias que aborrezo.
   ¿E ti mo preguntas a min?
   Eu non che sei, meu amigo, qué podemos facer ante tanta desfeita. Rir agora é de parvos. Chorar agora é propio de pusilánimes, imbéciles e escuros, deses que criticamos no noso himno... que criticabamos, quero dicir, porque agora o himno vaise cantar a varias voces, todas desafinadas, e a ver quen é o listo/a que pode volver xuntar o coro.
   Eu, ante o estúpido descalabro que tanto agardaba a dereitona e a dereita só se me ocorre, polo de agora, non pensar nel e convidarvos a cantar e a danzar, ao xeito de Zorba o grego, cos brazos tentando atrapar pombas como na fermosa melodía do Zeca, e moito coidadiño que agora as gueivotas van picañar máis e máis a gusto, co gusto que nós, os/as nacionalistas galegos/as lles brindamos. Sen embargo, como Zorba, eu brindo porque algún día volvamos ser sensatos. 



 No ano 2002 construín para o Teatro da Danza e da Música de Mimbrano este monumento de catro metros de altura e seiscentos quilos de peso, feito con discos de vinilo inservibles que reciclei. A música que levaban nos seus microsulcos non desapareceu senón que se transformou dentro da figura na melodía que cadaquén queira escoitar. Dancemos e cantemos, pois, benditos, que é un xeito fermoso de unión pero tamén serve, se se fai con forza, para espaventar aos corvos que tenten roubarnos os ollos e as gueivotas que soñen con suplantarnos. Abride ben os brazos, cantade ben alto e danzade como Zorba o grego, e xa veredes cómo dentro do voso corazón entra unha airexiña fresca de esperanza por tempos mellores. Cantade o que queirades, pero polo de agora deixade os himnos para mellores ocasións. 
                                                                  OLAFSON MOKK

No hay comentarios:

Publicar un comentario