Olafson Mokk

Olafson Mokk

domingo, 22 de enero de 2012

Tomo a palabra

Despois da xenerosa presentación que de min fixo Alfonso Álvarez Cáccamo, serei eu a partir de hoxe quen tome a palabra aínda que terei moi en conta os seus amigables consellos. Eu non son fillo dun escritor, coma el, senón dunha modesta costureira e dun pai que nunca coñecín porque morreu antes de eu nacer. Parece ser que foi un tipo valente que morreu nunha guerra defendendo estupidamente a unha patria na que non cría. Deixémolo polo de agora. Foi a miña nai, que aínda vive chea de luz e entendemento aos noventa e oito anos, quen coa súa forza, a súa ilusión e o seu traballo infatigable nos sacou adiante a tres fillos e tres fillas dos cales eu son o derradeiro. Foi para ela unha vida durísima pero xamais perdeu a ilusión e raras veces o sorriso. Moitos foron os seus sacrificios e as súas ensinanzas, a principal quizais a do amor que soubo inculcarnos polas xentes modestas e o rexeitamento os seres humanos fatuos, baleiros, fachendosos, a aqueles que un amigo que xa non sei por onde anda, Emilio Dopico, poeta que quizais deixou de poetizar, chamaba "os fillos do meu pai é". En honor á miña nai construín no ano 1977 o meu primeiro monumento, ubicado na aldea de Púrcul (Gurzonia), localidade natal da miña amada proxenitora, o Monumento á Agulla de Coser. 

CARACTERÍSTICAS
Altura da agulla: 20 metros.
Altura do carrete: 14 metros. 
Peso total: 5 toneladas. 
Materiais: A agulla é de madeira de piñeiro do Cantón de Oslek tratada con resina furondrósica de xaramillo residual. A torreta e a roldana son de aluminio, e a base é de formigón. O soporte da agulla está realizado con catro varillas de aceiro gornecido con mulcus tortelinus. O cable gros de aceiro que vai da roldana ao ollo da agulla vai soldado malia o que poida paracer na miña postura no gravado.


¡VIVA A REPÚBLICA! Olafson Mokk.

No hay comentarios:

Publicar un comentario