Olafson Mokk

Olafson Mokk

lunes, 23 de enero de 2012

A radio dos domingos é insoportable.

Gústame moito escoitar a radio. É unha grata compañía mentres ando ocupado na confección dos meus cadernos de escribanía artesanais ou facendo tallas de madeira ou pintando cadros do meu mundo paralelo no Obradoiro Tralabotica que dirixo e comparto comigo. Para escoitar música clásica, unha das miñas paixóns, non necesito a radio porque teño un tocadiscos e podo escoller os meus  compositores preferidos. O que máis me entretén son as tertulias. Polo meu horario de traballo podo escoitar as dúas que emite a Radio Galega, a das nove menos vinte da mañá e a das dez da noite. Os tertuliáns/ás son distintos cada día, como debe ser. Ás veces din cousas que me fan rir, outras veces fico pampo de tanta simpleza, no peor sentido da palabra e noutras ocasións escoito atinados razoamentos. Os tertuliáns case sempre falan un mal galego aínda que hai dignísimas excepcións. Eu tamén podo falar ou escribir con erros, pero non son un tertulián, e aínda que a voz non sexa a miña ferramenta, sen embargo cando escribo tento facelo o mellor posible, un esforzo que non practican a meirande parte dos que falan pola radio. O uso dos pronomes é terrible, igual de terrible que esa teima que teñen de poñer sempre detrás do verbo auxiliar IR a preposición A cando o verbo ir non ten o significado de acudir. Exemplo: "vou a dicir unha cousa" ou "vamos a ver se nos entendemos". O xénero de certas palabras tampouco o coidan (a labor, a leite, o paisaxe, etc) e moitas máis cousas que podería engadir como a morea de castelanismos, a utilización de tempos compostos do castelán,  ou o odio que amosan polas terminacións en -ADE como a que teñen a cidade e a bondade... Con todo, disfruto coas tertulias. É do mellor que se pode escoitar na Radio Galega. Xamais perdo o faladoiro dos mércores pola noite porque intervén unha das persoas coa mente máis clara de Galiza, co idioma máis depurado e perfecto, coas ideas políticas inequivocamente asentadas, cunha capacidade de exposición sorprendente, intelixente,  didáctica, serea, asisada, cordial e pacienzuda entre outras virtudes: Pilar García Negro.







    O que sucede todos os domingos, e algúns mércores, e algúns luns, e pode que os xoves,  exprésao ben este cartaz que publico abaixo, e que non está desfasado. E non só se provoca a cotío a invasión do futbol coa radio senón tamén coa televisión e co desmesurado espacio que  lle dedica a prensa. Este cartaz, tan actual,  foi elaborado en Alemaña poucos anos antes da Segunda Guerra Mundial, criticando o que eu critico, o futbol como opio do pobo, agora inxectado á poboación nunha dose enormemente maior, ¿quen o diría? que a que tentaba castrar as cabezas na época do franquismo. Sen embargo debo engadir dúas aclaracións: non estou contra o futbol porque son moderadamente afeccionado a ese deporte cando xoga o Celta, o equipo dos meus amores, e que, con todo, admiro a profesionalidade e a paciencia dos locutores en loita contra os mandamáis que lles impiden levar a cabo o seu traballo con liberdade nesa guerra que non comprendo.
 Olafson Mokk.  


No hay comentarios:

Publicar un comentario