Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 21 de enero de 2012



¿Quén é Olafson Mokk?

Hai unha notable coincidencia entre o meu nome e a miña data de nacemento (23-10-1952) coa do artista Olafson Mokk, non así co lugar no que eu nacín, Vigo, e el que viu a luz en Reistinache, a segunda cidade de Gurzonia. Eu a Gurzonia só viaxei nunha ocasión, e fiquei gratamente impresionado pola súa beleza, o benestar das súas xentes, e o xeralizado amor pola cultura, a libertade e o laicismo. Alí non hai curas exhorcistas como en Baiona. Gurzonia é unha república polo que ten un réxime político de garantía. Eu non adoito facer propaganda dos meus libros, un acto grave de egolatría, o primeiro paso para ir vendelos polas portas, pero, como excepción, recoméndovos que leades A revolución dos globos, publicado en Galaxia, porque aos/ás que teñades interese por coñecer ese enigmático país sen bispos nin monarcas acharedes na novela unha precisa historia dos seus devires históricos e histéricos desde 1900 até 1916, o ano da proclamación da República coa morte do dictador Alfonso Nilo e o prócer mafioso-relixioso Josep María Balagat.
Olafson Mokk, como dixen, naceu no ano 1952 en Reistinache. Pertence á brillante xeración formada no Instituto Medio de Mimbrano (a capital do país), ou xeración dos 50, como Arsenio Glup, Míchigan Bandesiro ou a poeta Gróncholis Oubea. Olafson Mokk intervén nos espazos urbanos e en plena natureza naqueles lugares suxestivos homnaxeando cos seus monumentos os aspectos cotiáns máis simples "sen os cales a vida sería moi pouco poética". Mokk foxe dos círculos artísticos e das "apariencias sesudas e sexudas da intelectualidade finchada e prepotente" e traballa modestamente en obras das que non agarda retribucións económicas, conformándose unicamente coa concesión dos permisos pertinentes e coa emoción dos que observen a súa obra. Para subsistir económicamente puxo en funcionamento o seu OBRADOIRO TRALABOTICA onde elabora cadernos de escribanía, reloxos artesáns, modela o barro, realiza debuxos, cadros e poemas por encarga. Gosta de ser fotografado subindo as escaleiras que conducen ao cumio dos seus monumentos e portando "o facho aceso da inspiración". As súas obras están repartidas maioritariamente ao longo e ancho da xeografía gurzonia e tamén nos paises limítrofes, as repúblicas rosaurunas como Inmeria ou Socrutia. Foi recoñecido co prestixioso Premio Sibel e co galardón da A.A.P. (Asocieko Artistal Pauperiostro ou Asociación de Artistas Pobres) , nas súas palabras "o recoñecemento máis emocionante que xamais recibín" e que consiste nun bocadillo de chourizo elaborado en porcelana. Olafson Mokk, infatigable artsita, traballa actualmente nun complicado monumento á velocidade. Entre as súas obras, destacarei o Monumento á Agulla de Coser, o Monumento á Transparencia, o Monumento de Homenaxe á Mantis Relixiosa, a Máquina de pescar galiñas ou o Aparello para Repintar a Lúa. En sucesivas páximas comezarei a mostravos algunhas destas magníficas instalacións. Agardemos de Olafson Mokk moitos e irrepetibles galanos.


   

No hay comentarios:

Publicar un comentario