Olafson Mokk

Olafson Mokk

domingo, 8 de abril de 2012

FUNDACIÓN MENDIZÁBAL

  Fuxín durante estas vacacións dos lugares onde podería verme contaminado polas procesións, unhas manifestacións desagradables que me producen un profundo malestar, un regreso polo túnel do tempo á época máis gris da nosa historia, pois non esquezo que no nome do que levan en andas e a quen lle cantan saetas e outras cantilenas, os fascistas mataron a moita xente. Cando vexo unha virxe ou un cristo arrodeado de capuchóns do Ku-Klus-Klán, das bandeiras e as mantillas españolas sinto un profundo arrepío e unha boa dose de tristura.
   E para fuxir destas arrepiantes mostras de hipocresía e carcancia colectiva, tirei ao monte acompañado da miña doce esposa, e percorrimos pobos do Bierzo e de Ourense, coa beleza e a friaxe da neve. Unha das cousas que máis me gusta no mundo, só por razóns artísticas, sobre todo arquitectónicas xa que a imaxinería tamén me produce arrepíos, é visitar as igrexas e as capelas. Levo moitos anos facéndoo, e levo moitos anos constando que a Igrexa Católica en Galiza é un freo terribel contra a normalización do idioma galego, como se tivese, de novo, unha Santa Cruzada contra o noso idioma, como se a xente a quen predican non entendese a nosa lingua, como se para subir ao ceo o idioma galego non servise: semella que San Pedro ten dificultades para entendernos sen un traductor. Rótulos en castelán, prédicas en castelán, anuncios en castelán e, ¡horror!, catequeses en castelán. Como teño oído fino, detívenme a escoitar as palabras, en castelán claro,  dunha catequista a uns probes rapaces e rapazas a quen preparaba para a comuñón e fiquei pampo, abraiado, asustado das barbaridades que saían pola boca daquela bruxa adulta: o pecado, o pecado e o pecado asexan por todas partes, eis o resumo. Non puiden ver as facianas da rapazada. Mellor para min. 
  De volta das vacacións leo na prensa as insensatas palabras do bispo Reig Plá contra a homosexualidade, o aborto, o botellón e a infidelidade. Imaxínoo con esa voz atiplada, tan atiplada como a do xeneral que nos machucou durante corenta anos quen, segundo parece, deixou escola en Carpetovetonia, unha voz en falsete curil e cínico como a do presidente da Conferencia Episcopal, como a dos curiñas, sepulcros branquexados (que dicía Cristo), que non deixan de aborregar á poboación coas súas manifestacións verbais que van contra a liberdade (sagrada) dos indivíduos. Curiosamente, o bispo Reig Plá, coincidente no apelido cun nefasto bispo fascista da guerra e postguerra, esqueceuse de falar do peor pecado, do pecado máis noxento e vomitivo que é o da pedofilia, un pecado no que os seus amigos da curia, e pode que el mesmo, son un colectivo especial e asiduamente practicante. ¿Por que se esquecería de falar da pedofilia? ¡Que desmemoriado!
  O político máis preclaro que houbo na historia de España foi Mendizábal. Na historia de Galiza tamén houbo políticos preclaros, como Bóveda ou Castelao, pero esa é outra historia. Mendizábal tivo a clarividencia, e tomou a sabia decisión, de desmontar a parafernalia ideolóxica e económica do clero, e ordenou a desamortización dos seus bens. A mágoa é que a cousa se frustrou. O meu amigo Xan G. e eu temos a idea de recuperar a súa figura e o seu empeño. Andamos dándolle voltas á posibilidade de facer unha fundación: a Fundación Mendizábal, para que, co tempo, e unha vez que a cidadanía deste Estado non confesional se vaia sumando, poidamos recuperar o traballo que aquel ministro  de Facenda deixou inacabado. Eu, polo de agora, ando experimentando con maquetas dos posibles edificios que acollerían á Fundación. Son maquetas de considerable tamaño elaboradas cunha goma inchable da miña invención que ten unha grande resistencia. As maquetas poden albergar ata dez persoas, as ideais para reunirse e comezar a confabular. Teñen a vantaxe estas maquetas, ignífugas e de excelente illamento, que se desinflan en poucos segundos e que poden instalarse rapidamente en calquera lugar, por exemplo na cercanía das igrexas para interromper con altofalantes a todos os curas que en Galiza se dirixan aos fieis en castelán, ou para interromper aos bispos como ese tal Plá cando largan pola bocaza esas barbaridades. Podemos traballar varias igrexas nunha mañá. Se veñen as forzas da orde coa porra en ristre, desinflamos e recollemos o petate. Se veñan excomungarme, agardarei con cortesía e ilusión. Dunha destas maquetas, quizais a que vos mostrarei, se temos sorte, sairá o edificio construído con pedra do país onde se ubicará a sé da Fundación Mendizábal.



              
                                     Maqueta para o edificio da Fundación Mendizábal



                                            Saúde e República . OLAFSON MOKK
       

No hay comentarios:

Publicar un comentario