Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 10 de marzo de 2012

A CHUVIA

A CHUVIA

Dedicado a Pastora Astray Mochales e a Eva Vázquez Gallardo.

  Cando Franco oprimía esta Terra, a natureza non replicaba: o inverno era inverno, e se El ordenaba que viñeran as chuvias, as chuvias facían a súa aparición no tempo preciso para El inaugurar os pantanos na data requerida. Se El ordenaba que a Primavera lucise o seu esplendor na herba do Bernabeu para que as chuvieiras non chafasen a Manifestación Sindical Vertical coas súas táboas de ximnasia e os bailes rexionais da Sección Feminina, a Primavera obedecía axiña, e dun día para outro as margaridas iluminaban os campos. O verán era bochornoso, e Fraga (¡que nostalxia, Luz Pozo!) que daquela traballaba no chollo do ferrolán, sorría de satisfacción ao ver encherse de walquirias os seus Paradores Nacionales de Turismo. O outono, cumprindo coa tradición, era o tempo das ventoleiras e dos suicidios, e ¡pobre daquel que se suicidase noutra estación!
  Franco deixou unha escola de mediocres seguidores: nin Rajoy nin Feijóo, as dúas jotas nacionais españolas, teñen a habelencia, as artes e o poder para poñer ao tempo no seu sitio, nin sequera Feijóo, o conseguidor, el padrecito de Galiza, que todo o fai ben, que consegue todo, que comenta todo na Feijóovisión Galega, que arranxa todo, que é modelo universal de logros económicos, nin sequera este novo El é capaz de traernos a chuvia, e a chuvia perderase da nosa memoria, aquela chuvia que antes os galegos/as sabiamos precisar con palabras exactas de acordo coas súas características, de igual xeito que os inuits son capaces de darlle nomes distintos aos nove matices que diferencian na cor branca. Os galegos/as só temos unha forma de chamar ao branco, pero sabiamos ata hai ben pouco tempo que non todas as augas caídas do ceo son iguais, e que a chuvia, choiva ou chuva pode manifestarse como chuvieiras e chuviscas, que podía ser rego ou catástrofe de sarabia ou salpedrés, ou auga teimuda de poalla, ou barruzo, breca, barrufa, barruñeira, ou auga ferinte e fría dos curiscos, ou ser froallo, patiñeira, zarzallo, ciofra, xistra, calistra, ou auga lixeira de orballo, o que os bascos chaman euría

  Pero agora non chove, e todas estas palabras perderanse ou, como moito, resumiranse nunha soa: chuvia. Nestes días as xentes do agro andan a sementar as patacas e están desesperadas porque a terra está enxoita e nin sequera amosa a lentura a medio metro de profundidade. ¡Que faremos os galegos sen chuvia e sen patacas!
   Eu estou disposto, sacrificandome ata o infindo, a ir falar co Conseguidor Feijóo, para proporlle construir un Monumento á Chuvia, e dese xeito atraela. No ano 1982 houbo unha feroz seca na Chaira de Poponica, unha rexión de Gurzonia que fornece de patacas a todo o país. Propúxenlle ao señor gobernador da provincia construir un Monumento ás Patacas, o tubérculo que dá vida aos nosos estómagos e polo tanto a nós, coa intención de atraer ás chuvias. Ao día seguinte da inauguración do monumento caeron chuzos de punta, e desde entón, 1982,  as augas do ceo reguláronse con tal precisión que as chuvias comezan ás 7´30 horas do 14 de febreiro e duran ata as 16´45 horas do 29 de abril, e non houbo un ano que así non acontecese. Vou proporlle, se me recibe, que o Monumento á Chuvia o subvencione Iñaki, o xenro do Rei, quen, segundo teño escoitado, anda ben de diñeiro.  



                                                         Monumento ás Patacas. Poponica (Gurzonia).


                                                             OLAFSON MOKK

No hay comentarios:

Publicar un comentario