Olafson Mokk

Olafson Mokk

sábado, 5 de mayo de 2012

O valedor do tobo

     En España existe a figura do Defensor del Pueblo, en Euzkadi recibe o nome  de Ararteko e en Cataluya chámase o Sindic de Greuges. As demais comunidades autónomas tamén teñen o seu Defensor del Pueblo. Teoricamente o pobo está moi ben defendido. En Galiza non temos unha figura que protexa os nosos dereitos e se faga cargo das nosas queixas. Existía o cargo do Valedor do Pobo pero agora Feijóo e os seus amigos de Madrid decidiron (non sei se foi un venres) reconverter as súas funcións e modificarlle algo o nome  para que se axuste aos auténticos propósitos que perseguen que non son outros cos da defensa da gorida: agora, don Benigno López pasa a ocupar a función de Valedor do Tobo. Saberán vostedes que a palabra tobo ten, en galego, o significado de madriguera pero tamén a acepción de gorida, un lugar onde se agochan os maleantes, e a defensa deles, dos maleantes,  pasou a ser agora a súa definitiva función. Como a min tamén me gusta xogar cos palabras, trocar ou suprimir sílabas ao meu libre albedrío, e como formo parte do que queda do pobo, dos refugallos, a partir de agora vou chamar Maligno a don Benigno, e voulle suprimir o tratamento de don, que non o merece.
       Maligno, o Valedor do Tobo, non só acepta, senón que defende e incluso explica, os recortes dos venres, ese que serven para recordarlle ao pobo que os nostálxicos da dictadura están resucitando, se é que morreron algún día. O Valedor do Tobo di amén, amén e amén á manobra de marcha atrás. Maligno xa metera a pata en varias ocasións, e estende a man, coa palma paralela ao chan, a dous millóns de euros anuais, o orzamento necesario para pasar a lingua (non a galega, que desa non sabe) polos zapatos dos habitantes da gorida.
    Os habitantes da gorida pensaron nun principio nomealo Valedor do Lobo, pero tiveron medo a que Carapuchiña se convertese na Salander  de Sieg Larsson, e recuaron. Despois, como eles viven nunha especie de colmea, pensaron atribuirlle o cargo de Valedor do Cobo, tamén chamada Trobo nalgúns lugares de Galiza, pero era arriscado, non fose sudeder que o doce mel tentador e o veleno dos aguillóns, substancias antagónicas ao tempo que tentadoras, rachasen coa disciplina dos habitantes da gorida. Ao cabo optaron por nomear ao cargo como Valedor do Tobo.
  



         Na fotografía observamos a Maligno López a piques de responder a unha reclamación dun súbdito despois de escoitalo atentamente.






       Maligno López explicando cómo se van facer os recortes, "tan necesarios" segundo as súas palabras.



                Que o Maligno nos colla confesados. Amén                          OLAFSON MOKK.


No hay comentarios:

Publicar un comentario