Olafson Mokk

Olafson Mokk

lunes, 30 de abril de 2012

Manifestemos a nosa forza no 1º de maio.

   Por moi negro que vexamos o ceo enriba das nosas cabezas sempre poderemos acender os fachos e prender todas as luces da cidade porque das nosas mans depende que funcionen as turbinas. Os traballadores e traballadoras somos os únicos que producimos a enerxía que acende as lámpadas dos salóns, das igrexas, dos castelos, dos pazos, dos casinos e das salas de xuntas onde se planifica o noso salario e, se queremos, poderían quedar sen luz. Nós poderemos ficar tranquilos: os hospitais teñen corrente eléctrica autóxena e as escolas están iluminadas polo esforzo vocacional dos mestres e mestras.




               Monumento aos traballadores e traballadoras situado en Reistinache (Gurzonia).

            Manifestemos a nosa forza.

                                              Olafson  Mokk.


lunes, 23 de abril de 2012

Os libros e a Lúa

Hoxe celébrase o Día do Libro. Eu celebro todos os días ter libros "eses amigos sinceros que saben do silencio da miña alma porque eles viven en silencio", e agradezo á vida verme rodeado de libros desde a infancia. Tamén agradezo que a vida me dese a coñecer, desde a infancia, tantos e tantas escritores e escritoras.  Lembro con frecuencia unha noite moi feliz que pasei no mes de agosto de 1959, cando só tiña sete anos, na compaña do meu amigo Alfonso Álvarez Cáccamo e a súa familia. Aquela noite calorosa acudimos a unha duna da praia da Calzoa en Coruxo nenos e adultos a ver pasar entre as estrelas o sputnik ECO 2, enviado polos rusos a dar voltas estratosféricas arredor da Terra. Esculcabamos o ceo á procura dunha estreliña móbil e, entre berros de ledicia, detectamos unha tímida luz que se movía aló no fondal da bóveda celeste. Cos nenos e nenas estaban tamén Xosé María Álvarez Blázquez e María Luisa Cáccamo Frieben, os pais do meu amigo, e todos os Álvarez Cáccamo, e Celso Emilio Ferreiro con Moraima e os fillos, e Álvaro Cunqueiro con Paco del Riego e a súa esposa Evelina Hervella. Unha vez que o sputnik, dificilmente visible, rematou a súa traxectoria, os pais ordenaron que fosemos durmir porque era ben tarde, as doce da noite, pero conseguimos convencelos cos nosos rogos para que nos deixaran ficar unha hora e cinco minutos máis para ver pasar de novo a máxica luciña.   
¡Que entrañabel conversa aquela! ¡Que pracer escoitar os adultos! Cunqueiro anunciou que, se a tecnoloxía seguía avanzando de tal xeito, antes do ano 2000 o home chegaría á Lúa, pero laiábase de que se o seu prognóstico se cumpría, o home, ao mancillar a donceleza do noso satélite, remataría coa Poesía: a Lúa xa non sería a misteriosa dama que inspiraba a homes e mulleres. Aquela frase ficou gravada na miña memoria para sempre, e desde aquel mes de agosto de 1959, a Lúa significa a cerna da miña particular relixión, e resístome a crer que xamais foi ensuxada polas botas humanas. Coido que o dos ianquis foi toda unha montaxe. Quero crelo así.
  Pasado o tempo deseñei un monumento a Álvaro Cunqueiro, mellor dito un monumento contra a preocupación de Álvaro Cunqueiro, A Máquina para repintar a Lúa, hoxe instalado no Parque Culebrius de Mimbrano. Cunqueiro poderá seguir ollando a Lúa con tranquilidade porque coa miña máquina, se o home comete a aldraxe de pisar o seu cincento chan, sempre poderemos poñela como nova.





                    Máquina para repintar a Lúa. Parque Culebrius de Mimbrano (Gurzonia).


    O grandísimo poeta mindoniense, alá onde se atope,  pode estar tranquilo con este aparello. A inspiración dos poetas e das poetas non desaparecerá, pero, para maior seguridade,  convén tamén que de cando en vez acendamos un facho, o símbolo da inspiración, de que o lume segue quentando, como fago eu sempre que inauguro un monumento. Así fixen cando rematei o que dediquei ao libro e que está ubicado en Sepuche, a localidade gurzonia que utilizou por primeira vez a imprenta. Nesta obra, ademais do facho da inspiración que eu levo, hai outros símbolos: o galo que nos esperta, a Lúa que nos adurmiña, e o libro que nos acompaña con fidelidade durante toda a vida.

  
                                              Monumento aos Libros, situado en Sepuche (Gurzonia)


                                                Felices lecturas. OLAFSON MOKK

domingo, 15 de abril de 2012

¿Discutirán de noite?

Cando se vexan estes dous, se se ven, ¿discutirán de noite? Dígoo porque mentres un mata, a outra arrumaca. O un extermina nobres animais. Ela bica pandas. O xenro bica billetes de banco. O neto adora as escopetas. El Rei caeu xa seis veces. Eu agardo que a próxima caída do Soberano do Soberano, a séptima, supoña tamén a caída completa da Monarquía, esta caduca institución que aínda pensa que estamos no século XIX, á fronte da cal hai un monarca imposto por Franco que se divirte cazando elefantes na África de Tintín mentres moitos/as dos cidadáns deste país empobrecido tentan cazar algo no supermercado. Non hai moito máis que dicir.




                                                           O Rei elefanticida.







                                                          A Raiña, arrumacadora dos pandas.



                                                                                                          ¡VIVA A REPÚBLICA!         


                                                                                                       OLAFSON MOKK




Unha trompa soberana


                            Sen comentarios.

                                                 Olafson Mokk

domingo, 8 de abril de 2012

FUNDACIÓN MENDIZÁBAL

  Fuxín durante estas vacacións dos lugares onde podería verme contaminado polas procesións, unhas manifestacións desagradables que me producen un profundo malestar, un regreso polo túnel do tempo á época máis gris da nosa historia, pois non esquezo que no nome do que levan en andas e a quen lle cantan saetas e outras cantilenas, os fascistas mataron a moita xente. Cando vexo unha virxe ou un cristo arrodeado de capuchóns do Ku-Klus-Klán, das bandeiras e as mantillas españolas sinto un profundo arrepío e unha boa dose de tristura.
   E para fuxir destas arrepiantes mostras de hipocresía e carcancia colectiva, tirei ao monte acompañado da miña doce esposa, e percorrimos pobos do Bierzo e de Ourense, coa beleza e a friaxe da neve. Unha das cousas que máis me gusta no mundo, só por razóns artísticas, sobre todo arquitectónicas xa que a imaxinería tamén me produce arrepíos, é visitar as igrexas e as capelas. Levo moitos anos facéndoo, e levo moitos anos constando que a Igrexa Católica en Galiza é un freo terribel contra a normalización do idioma galego, como se tivese, de novo, unha Santa Cruzada contra o noso idioma, como se a xente a quen predican non entendese a nosa lingua, como se para subir ao ceo o idioma galego non servise: semella que San Pedro ten dificultades para entendernos sen un traductor. Rótulos en castelán, prédicas en castelán, anuncios en castelán e, ¡horror!, catequeses en castelán. Como teño oído fino, detívenme a escoitar as palabras, en castelán claro,  dunha catequista a uns probes rapaces e rapazas a quen preparaba para a comuñón e fiquei pampo, abraiado, asustado das barbaridades que saían pola boca daquela bruxa adulta: o pecado, o pecado e o pecado asexan por todas partes, eis o resumo. Non puiden ver as facianas da rapazada. Mellor para min. 
  De volta das vacacións leo na prensa as insensatas palabras do bispo Reig Plá contra a homosexualidade, o aborto, o botellón e a infidelidade. Imaxínoo con esa voz atiplada, tan atiplada como a do xeneral que nos machucou durante corenta anos quen, segundo parece, deixou escola en Carpetovetonia, unha voz en falsete curil e cínico como a do presidente da Conferencia Episcopal, como a dos curiñas, sepulcros branquexados (que dicía Cristo), que non deixan de aborregar á poboación coas súas manifestacións verbais que van contra a liberdade (sagrada) dos indivíduos. Curiosamente, o bispo Reig Plá, coincidente no apelido cun nefasto bispo fascista da guerra e postguerra, esqueceuse de falar do peor pecado, do pecado máis noxento e vomitivo que é o da pedofilia, un pecado no que os seus amigos da curia, e pode que el mesmo, son un colectivo especial e asiduamente practicante. ¿Por que se esquecería de falar da pedofilia? ¡Que desmemoriado!
  O político máis preclaro que houbo na historia de España foi Mendizábal. Na historia de Galiza tamén houbo políticos preclaros, como Bóveda ou Castelao, pero esa é outra historia. Mendizábal tivo a clarividencia, e tomou a sabia decisión, de desmontar a parafernalia ideolóxica e económica do clero, e ordenou a desamortización dos seus bens. A mágoa é que a cousa se frustrou. O meu amigo Xan G. e eu temos a idea de recuperar a súa figura e o seu empeño. Andamos dándolle voltas á posibilidade de facer unha fundación: a Fundación Mendizábal, para que, co tempo, e unha vez que a cidadanía deste Estado non confesional se vaia sumando, poidamos recuperar o traballo que aquel ministro  de Facenda deixou inacabado. Eu, polo de agora, ando experimentando con maquetas dos posibles edificios que acollerían á Fundación. Son maquetas de considerable tamaño elaboradas cunha goma inchable da miña invención que ten unha grande resistencia. As maquetas poden albergar ata dez persoas, as ideais para reunirse e comezar a confabular. Teñen a vantaxe estas maquetas, ignífugas e de excelente illamento, que se desinflan en poucos segundos e que poden instalarse rapidamente en calquera lugar, por exemplo na cercanía das igrexas para interromper con altofalantes a todos os curas que en Galiza se dirixan aos fieis en castelán, ou para interromper aos bispos como ese tal Plá cando largan pola bocaza esas barbaridades. Podemos traballar varias igrexas nunha mañá. Se veñen as forzas da orde coa porra en ristre, desinflamos e recollemos o petate. Se veñan excomungarme, agardarei con cortesía e ilusión. Dunha destas maquetas, quizais a que vos mostrarei, se temos sorte, sairá o edificio construído con pedra do país onde se ubicará a sé da Fundación Mendizábal.



              
                                     Maqueta para o edificio da Fundación Mendizábal



                                            Saúde e República . OLAFSON MOKK
       

jueves, 29 de marzo de 2012

Pan para todos

Hoxe fun á folga, e non acudín ao meu obradoiro onde estou traballando nun complicado Monumento á Estulticia que tentarei ubicar algún día no Gaiás. O meu amigo, o maquinista Ferdinand Abott e a súa muller, a entrañabel doutora María Silveria Acco convidáronos á miña muller Miragreira Abott e a min a xantar un celmosísimo polo caseiro, un polísimo, como diría o inesquencibel Manuel María. No xantar falamos de moitas cousas, sobre todo de comidas, e saiu na conversa a figura da miña avoa paterna Ernestina Sesemil, casada con Francius Mokk, dono dunha fábrica de pinturas, un empresario xeneroso e xusto, deses que hoxe case non hai. Os meus avos paternos viviron con folgura e gozaron da existencia. Ernestina cociñaba marabillosamente, sobre todo as pastas e forneaba o pan máis delicioso que xamais probei na vida. Deixáronme como herdanza a afección polas cores (o avó regalábame continuamente pinturas) e pola comida sinxela, e un amor inconmensurable ao pan, un alimento que se me falta na mesa, calquera xantar se volve insulso.


    
       Aínda que, como dixen, os meus avós paternos eran xente acomodada, traballaban incansablemente: o avó na fábrica de pinturas MOKK S.L. e a avoa atendendo unha prole de sete fillos, cociñando os seus incomparables espaguetis con prebes misteriosas, as tartas de amorodos, forneando o pan, tecendo paniños, arranxando a roupa dos maiores para os pequenos... ao cabo, a durísima intendencia dunha maquinista doméstica, muller dunha familia tradicional; sen embargo, foron unha miudalla os seus trafegos comparándoos co tremendo labor da miña avoa materna, unha sacrificada costureira cunha durísima vida que, con todo, xamais lle fixo perder o sorriso, a quen dediquei o meu Monumento ás Agullas de Coser, xa publicado en páxinas anteriores.  
   No mes de agosto de todos os anos que recordo Francius Mokk e Ernestina Sesemil facían un cruceiro polo lago Troimpö, unha fermosura da Natureza que ten ribeiras en Gurzonia e en Groscia. No cadro dun pintor, cuxo nome ignoro, contratado polo capitán do barco, e que sempre estivo pendurado a carón da cheminea da casa dos avós, vemos como a avoa tece un paniño de perlé; aos seus pes repousa a bóla da madexa. Detrás dela, o seu home le a prensa, seguramente o Semanario Económico, aínda que ben podería tratarse dunha rarísima publicación que algunha vez vin dedicada exclusivamente á arte da cocción do pan, a grande e sinxela afección gastronómica de Francius Mokk.
   Os avós, que se amaban con devoción, faleceron xuntos nun accidente de ferrocarril cando tiña eu dez anos. Deixáronme un fondo baleiro, pero os nenos adoitan recuperarse en pouco tempo das desgrazas e conseguen trocar a tristura pola lembranza serea. Nunca volvín comer un pan como aquel, nunca ninguén en ningures me ofreceu un prato daqueles espaguetis; tampouco ningún avó volveu beliscarme na fazula. Cando de súpeto recoñecín que xa tiña uns trinta anos e que os avós eran só unha doce sombra na miña vida, concebín a idea de facerlles dous monumentos: á mellor cociñeira de espagueti e ao mellor engulidor de pan.
   Foi doado ubicar na ribeira gurzonia do lago Troimpö, na aldea de Mondarecco, o meu Monumento aos Espaguetis, pero resultou moito máis complicado que as autoridades groscias me permitisen situar  o Monumento ao Pan na súa ribeira pois a súa visión utilitarista e comercialoide da arte non casaba con algo tan "inútil" como un monumento a algo tan elemental como o pan noso de cada día. Argumentaban que non tiña sentido aquela homenaxe, que debería concentrar os meus esforzos na construcción dun monolito coa efixie dun militar moi afoutado cuxo nome esquecín, pero gañei a batalla burocrática grazas á sensibel axuda do alcalde da vila de Fruebet, Marec Cretul, xeneroso e moi arteiro, que foi quen de convencelos con argumentos bíblicos nos que entraba a oración do pan noso de cada día, amén, do pensamento cristián. Nunca dixen, nin nunha nin outra ribeira do lago, que os dous monumentos eran unha homenaxe aos avós. Utilicei as indelebles pinturas e vernices Mokk para rematar a obra e a memoria olfactiva daquel primoroso pan  Sesemil para comezala. A eles, Ernestina e Francius débolles a base, composta de fariña triga e de tolueno, da miña personalidade amante da Gastronomía e da Arte, dous marabillosos praceres do corpo e do espírito.




Monumento aos Espaguetis, en Mondarecco (Gurzonia)




Monumento ao Pan, en Fruebet (Groscia) 



Que xamais nos falte o pan. Amén.

OLAFSON MOKK

martes, 20 de marzo de 2012

OS DRONES

DRONES en castelán rima con ladrones.

Pero en inglés, o idioma dos ianquis, rima con colonización e tamén con morte. O meu amigo e cuñado Ferdinad Abott, mariño dos sete mares hoxe felizmente xubilado, mándame un artigo sobre os drones, e se non chega ser que hoxe é 20 de marzo e non 28 de decembro, pensaría que se trata dunha inocentada, pero malfadadamente non o é. ¿Que son os drones? Os drones son avións non tripulados concebidos fundamentalmente para tétricas misións como o bombardeo, co seu conseguinte funesto dano colateral, dúas cínicas palabras que equivalen ás nosas catro palabras masacre da poboación civil. Tamén serven para a espionaxe con fins militares que traen como consecuencia a masacre da poboación civil. Foron -e son aínda, supoño- empregados en diversas guerras como a de Irak ou Afganistán e serán utilizados na guerra que os israelitas e os americanos están preparando contra Irán.
   E aquí ven o horror que nos atinxe directamente: parece ser que, co consentimento do ministro español Morenés, os ianquis pretenden establecer unha base de aterraxe e mantemento para estes mortíferos vehículos voadores nada menos que en Trasmiras (Ourense) coa oferta de traballo de terceira clase para os habitantes da bisbarra. Un avión destes, dun custe dun millón de euros, necesita 169 persoas especializadas para o seu mantemento, e esas non serán de Trasmiras senón de Oklahoma. Os de Trasmiras limparán as letrinas a cotío e os vómitos de wisky das esmorgas militares da fin de semana, e pode que algún pérfido estableza nas cercanías unha barra americana para os americanos das barras e das estrelas. Son frecuentes os accidentes destes aparellos voadores e o risco para a poboación é altísimo, pero máis grave será a mala conciencia que nos quedará se permitimos que na nosa terra se estableza unha base de avións con mortífera carga.
   Se queredes saber máis sobre os drones recomendo o artigo de Micah Zenko titulado "10 cosas que no sabía de los aviones no tripulados", que seguramente tamén poderedes ler en Google.
  ¿E Feijóo que opina disto? Temo que estará de acordo.
    Unha destas bases xa foi instalada e Sigonelle (Italia) cando era presidente o fascista Berlusconi. Os ianquis tamén tentaron facer o mesmo en Gurzonia, a miña segunda terra, pero a resposta da poboación, seguindo o meu modesto exemplo, puido máis e os ianquis desistiron. O exemplo, que califico como modesto, consistiu nunha resposta aerostática: en todos os concellos de Gurzonia elevamos enormes globos que permaneceron amarrados á terra durante meses coa dobre intención de protestar e interferir o vóo dos estarrecedores avións, e trunfamos. Ás veces a insubmisión civil pode vencer á brutalidade militar.   




  

                                    Galoburro aerostático situado en Gretul (Gurzonia). Ano 2005.


                                 Defenderémonos.      OLAFSON MOKK