Olafson Mokk

Olafson Mokk

martes, 22 de mayo de 2012

A frase do señor Alubia

     O señor Alberto Alubia, presidente da Xunta de Galiza ven de dicir unha frase que me indigna intensamente: "Hai autonomías que quieren ser nación y si lo fuesen serían intervenidas" Falarei despois desta frase. Antes citarei unhas frases simpáticas que un día publiquei co título Frases con nata e que me foi plaxiado por algúns blogueiros aos que agradezo a súa delicadeza. O mestre indiscutible das frases con nata foi o ínclito señor Caneda, seguido moi de perto por Sofía Mazagatos e outros/as como Fraga Iribarne, Esperanza Aguirre ou, entre os descoñecidos, un tipo presumido, cuxo nome non vou citar, que amaba as frases feitas pero sempre as reviravoltaba con adornos como "las cosas claras y el chocolate estrecho", un tipo nada agradable, por certo, que dicía que traballaba como un negreiro. Iso é certo, traballaba bastante máis cun político salazarista quen, na inauguración dun parque en Lisboa, exclamou polo altofalante: "Diante de tanta beleza, só podo dicir un adxectivo: ¡gosto!".
   Imos en camiño, se o fúnebre señor Alubia segue inspirado, en superar ao señor Caneda, aínda que é ben dificil conseguir a  perfección como a que este amosou con aquela frase célebre coa que cualificou os asuntos vanais utilizando unha perfecta simbiose entre os mandamentos da Lei de Deus e os tubérculos, a "pataca minuta". Tamén foi meritoria a súa expresión para describir o asedio ao que o sometían os xornalistas coas súas preguntas capciosas: "me pone usted entra la espalda y la pared", ou sexa, de volta e volta. Esperanza Aguirre, sendo ministra de Cultura, cando lle preguntaron se coñecía a obra de Saramago, respondeu que desa Sara no lera nada. Nin de Sara nin de ninguén, porque é unha perfecta analfabeta, capaz de dicir con ese sorriso cínico e chulesco que se o público asubía o himno nacional español deberían suspender o partido de futbol. Tamén poderiamos incluila nas frases españolísimas célebres.
    Eu convido ao señor Feijóo a que traduza ben o seu apelido e que abandone o híbrido que utiliza: ou é Feixóo ou é Alubia. Eu prefiro, por respecto ao idioma galego, chamalo señor Alubia. Sen embargo, se se fixa, os nomes e os apelidos ás veces encerran unha mensaxe secreta. Fe y Jocosidad.  Ambas características da súa personalidade herdounas do seu mestre Fraga Iribarne, autor de frases célebres notables. Vexamos primeiro a Fe. Dicía Fraga: "Nuestras raices son el Pilar y Santiago; Fernando el Santo y Alfonso el Sabio; La Reina Católica y Santa Teresa..." ¡Para que seguir! La jocosidad tamén a herdou del, pero, como dixen, é unha fúnebre jocosidad, tan fúnebre como foi o ministro de Franco. Fraga dicía cousas, recollidas por sacrificadísimos/as taquígrafos/as como: "El cambio social se produce cuando coinciden a la vez unos valores cambiantes y la necesidad económica, no antes" . Xa se ve que as frases do señor Alubia e as de Fraga coinciden ao mesmo tempo, e a súa ideoloxía non só coincide simultanéamente senón que o discípulo vai superando ao mestre, aínda que, polo menos, Fraga, nos fixo rir nalgunha ocasión, por exemplo o día que se enleou nunhas cortinas do pazo do Pardo e caeu con toda a súa humanidade enriba da alfombra do Innomeable, ou cando lle arrimou unha perdigonada no cu a Carmencita, a filla do Innomeable durante unha cacería. Alubia, nin eso, nin vai de caza, como moito colle unha mangueira de xardín e vai ao fotomatón para sair na Prensa, na súa Prensa, semellando que apaga un incendio forestal.
     A súa frase non é unha frase con nata, é unha frase con rata: "Hay autonomías que quieren ser nación, y si lo fuesen estarían intervenidas". Refírese ás xustas arelas de soberanía de Euzkadi e Catalunya. Esquece a Galiza. Ignora que as tres xa son nacións porque incluso no dicionario español di que as nacións son comunidades de indivíduos asentadas nuns territorios con tradicións, língua e historia comúns e con conciencia de ser un corpo colectivo diferenciado, por exemplo España, Galiza, Euzkadi o Catalunya. É unha frase con rata porque rilla nas mentiras. Se  o pobo vasco, catalán e galego fosen pobos soberanos con Estado propio, abofé que as súas economías serían florecentes. Iso non o nega ninguén. Tamén é unha frase con rata porque Galiza, a quen despreza como nación ao non citala, sufre unha anguriante degradación a todos os niveis, cunha economía saqueada, cunha emigración similar á dos anos sesenta, e coa perda das súas raices, da súa lingua, da súa cultura por mor dunha estratexia vilmente calculada polos seus gobernantes encabezados polo señor Alubia.

      No ano 1982 construín un monumento en Reistinache (Gurzonia) dedicado ás frases célebres, ás frases canediás, ás frases con nata, e nun enorme libro situado no centro da instalación sigo anotando aquelas que merecen pasar á historia dos despropósitos. A miña intención ao construilo foi irónica e bulreira, pero tamén tenra, con certa delizadeza coos falabaratoos. A frase con rata, unha de tantas das que larga o señor Alubia, non ten entrada no rexistro inmortal dos inxeis. A frase do señor Alubia está cargada de ignorancia e de ideoloxía franquista. ¡Arrenégote demo!



            Monumento ás frases célebres situado en Reistinache (Gurzonia).
                                                                     
                                                                    OLAFSON MOKK.

sábado, 5 de mayo de 2012

O valedor do tobo

     En España existe a figura do Defensor del Pueblo, en Euzkadi recibe o nome  de Ararteko e en Cataluya chámase o Sindic de Greuges. As demais comunidades autónomas tamén teñen o seu Defensor del Pueblo. Teoricamente o pobo está moi ben defendido. En Galiza non temos unha figura que protexa os nosos dereitos e se faga cargo das nosas queixas. Existía o cargo do Valedor do Pobo pero agora Feijóo e os seus amigos de Madrid decidiron (non sei se foi un venres) reconverter as súas funcións e modificarlle algo o nome  para que se axuste aos auténticos propósitos que perseguen que non son outros cos da defensa da gorida: agora, don Benigno López pasa a ocupar a función de Valedor do Tobo. Saberán vostedes que a palabra tobo ten, en galego, o significado de madriguera pero tamén a acepción de gorida, un lugar onde se agochan os maleantes, e a defensa deles, dos maleantes,  pasou a ser agora a súa definitiva función. Como a min tamén me gusta xogar cos palabras, trocar ou suprimir sílabas ao meu libre albedrío, e como formo parte do que queda do pobo, dos refugallos, a partir de agora vou chamar Maligno a don Benigno, e voulle suprimir o tratamento de don, que non o merece.
       Maligno, o Valedor do Tobo, non só acepta, senón que defende e incluso explica, os recortes dos venres, ese que serven para recordarlle ao pobo que os nostálxicos da dictadura están resucitando, se é que morreron algún día. O Valedor do Tobo di amén, amén e amén á manobra de marcha atrás. Maligno xa metera a pata en varias ocasións, e estende a man, coa palma paralela ao chan, a dous millóns de euros anuais, o orzamento necesario para pasar a lingua (non a galega, que desa non sabe) polos zapatos dos habitantes da gorida.
    Os habitantes da gorida pensaron nun principio nomealo Valedor do Lobo, pero tiveron medo a que Carapuchiña se convertese na Salander  de Sieg Larsson, e recuaron. Despois, como eles viven nunha especie de colmea, pensaron atribuirlle o cargo de Valedor do Cobo, tamén chamada Trobo nalgúns lugares de Galiza, pero era arriscado, non fose sudeder que o doce mel tentador e o veleno dos aguillóns, substancias antagónicas ao tempo que tentadoras, rachasen coa disciplina dos habitantes da gorida. Ao cabo optaron por nomear ao cargo como Valedor do Tobo.
  



         Na fotografía observamos a Maligno López a piques de responder a unha reclamación dun súbdito despois de escoitalo atentamente.






       Maligno López explicando cómo se van facer os recortes, "tan necesarios" segundo as súas palabras.



                Que o Maligno nos colla confesados. Amén                          OLAFSON MOKK.


lunes, 30 de abril de 2012

Manifestemos a nosa forza no 1º de maio.

   Por moi negro que vexamos o ceo enriba das nosas cabezas sempre poderemos acender os fachos e prender todas as luces da cidade porque das nosas mans depende que funcionen as turbinas. Os traballadores e traballadoras somos os únicos que producimos a enerxía que acende as lámpadas dos salóns, das igrexas, dos castelos, dos pazos, dos casinos e das salas de xuntas onde se planifica o noso salario e, se queremos, poderían quedar sen luz. Nós poderemos ficar tranquilos: os hospitais teñen corrente eléctrica autóxena e as escolas están iluminadas polo esforzo vocacional dos mestres e mestras.




               Monumento aos traballadores e traballadoras situado en Reistinache (Gurzonia).

            Manifestemos a nosa forza.

                                              Olafson  Mokk.


lunes, 23 de abril de 2012

Os libros e a Lúa

Hoxe celébrase o Día do Libro. Eu celebro todos os días ter libros "eses amigos sinceros que saben do silencio da miña alma porque eles viven en silencio", e agradezo á vida verme rodeado de libros desde a infancia. Tamén agradezo que a vida me dese a coñecer, desde a infancia, tantos e tantas escritores e escritoras.  Lembro con frecuencia unha noite moi feliz que pasei no mes de agosto de 1959, cando só tiña sete anos, na compaña do meu amigo Alfonso Álvarez Cáccamo e a súa familia. Aquela noite calorosa acudimos a unha duna da praia da Calzoa en Coruxo nenos e adultos a ver pasar entre as estrelas o sputnik ECO 2, enviado polos rusos a dar voltas estratosféricas arredor da Terra. Esculcabamos o ceo á procura dunha estreliña móbil e, entre berros de ledicia, detectamos unha tímida luz que se movía aló no fondal da bóveda celeste. Cos nenos e nenas estaban tamén Xosé María Álvarez Blázquez e María Luisa Cáccamo Frieben, os pais do meu amigo, e todos os Álvarez Cáccamo, e Celso Emilio Ferreiro con Moraima e os fillos, e Álvaro Cunqueiro con Paco del Riego e a súa esposa Evelina Hervella. Unha vez que o sputnik, dificilmente visible, rematou a súa traxectoria, os pais ordenaron que fosemos durmir porque era ben tarde, as doce da noite, pero conseguimos convencelos cos nosos rogos para que nos deixaran ficar unha hora e cinco minutos máis para ver pasar de novo a máxica luciña.   
¡Que entrañabel conversa aquela! ¡Que pracer escoitar os adultos! Cunqueiro anunciou que, se a tecnoloxía seguía avanzando de tal xeito, antes do ano 2000 o home chegaría á Lúa, pero laiábase de que se o seu prognóstico se cumpría, o home, ao mancillar a donceleza do noso satélite, remataría coa Poesía: a Lúa xa non sería a misteriosa dama que inspiraba a homes e mulleres. Aquela frase ficou gravada na miña memoria para sempre, e desde aquel mes de agosto de 1959, a Lúa significa a cerna da miña particular relixión, e resístome a crer que xamais foi ensuxada polas botas humanas. Coido que o dos ianquis foi toda unha montaxe. Quero crelo así.
  Pasado o tempo deseñei un monumento a Álvaro Cunqueiro, mellor dito un monumento contra a preocupación de Álvaro Cunqueiro, A Máquina para repintar a Lúa, hoxe instalado no Parque Culebrius de Mimbrano. Cunqueiro poderá seguir ollando a Lúa con tranquilidade porque coa miña máquina, se o home comete a aldraxe de pisar o seu cincento chan, sempre poderemos poñela como nova.





                    Máquina para repintar a Lúa. Parque Culebrius de Mimbrano (Gurzonia).


    O grandísimo poeta mindoniense, alá onde se atope,  pode estar tranquilo con este aparello. A inspiración dos poetas e das poetas non desaparecerá, pero, para maior seguridade,  convén tamén que de cando en vez acendamos un facho, o símbolo da inspiración, de que o lume segue quentando, como fago eu sempre que inauguro un monumento. Así fixen cando rematei o que dediquei ao libro e que está ubicado en Sepuche, a localidade gurzonia que utilizou por primeira vez a imprenta. Nesta obra, ademais do facho da inspiración que eu levo, hai outros símbolos: o galo que nos esperta, a Lúa que nos adurmiña, e o libro que nos acompaña con fidelidade durante toda a vida.

  
                                              Monumento aos Libros, situado en Sepuche (Gurzonia)


                                                Felices lecturas. OLAFSON MOKK

domingo, 15 de abril de 2012

¿Discutirán de noite?

Cando se vexan estes dous, se se ven, ¿discutirán de noite? Dígoo porque mentres un mata, a outra arrumaca. O un extermina nobres animais. Ela bica pandas. O xenro bica billetes de banco. O neto adora as escopetas. El Rei caeu xa seis veces. Eu agardo que a próxima caída do Soberano do Soberano, a séptima, supoña tamén a caída completa da Monarquía, esta caduca institución que aínda pensa que estamos no século XIX, á fronte da cal hai un monarca imposto por Franco que se divirte cazando elefantes na África de Tintín mentres moitos/as dos cidadáns deste país empobrecido tentan cazar algo no supermercado. Non hai moito máis que dicir.




                                                           O Rei elefanticida.







                                                          A Raiña, arrumacadora dos pandas.



                                                                                                          ¡VIVA A REPÚBLICA!         


                                                                                                       OLAFSON MOKK




Unha trompa soberana


                            Sen comentarios.

                                                 Olafson Mokk

domingo, 8 de abril de 2012

FUNDACIÓN MENDIZÁBAL

  Fuxín durante estas vacacións dos lugares onde podería verme contaminado polas procesións, unhas manifestacións desagradables que me producen un profundo malestar, un regreso polo túnel do tempo á época máis gris da nosa historia, pois non esquezo que no nome do que levan en andas e a quen lle cantan saetas e outras cantilenas, os fascistas mataron a moita xente. Cando vexo unha virxe ou un cristo arrodeado de capuchóns do Ku-Klus-Klán, das bandeiras e as mantillas españolas sinto un profundo arrepío e unha boa dose de tristura.
   E para fuxir destas arrepiantes mostras de hipocresía e carcancia colectiva, tirei ao monte acompañado da miña doce esposa, e percorrimos pobos do Bierzo e de Ourense, coa beleza e a friaxe da neve. Unha das cousas que máis me gusta no mundo, só por razóns artísticas, sobre todo arquitectónicas xa que a imaxinería tamén me produce arrepíos, é visitar as igrexas e as capelas. Levo moitos anos facéndoo, e levo moitos anos constando que a Igrexa Católica en Galiza é un freo terribel contra a normalización do idioma galego, como se tivese, de novo, unha Santa Cruzada contra o noso idioma, como se a xente a quen predican non entendese a nosa lingua, como se para subir ao ceo o idioma galego non servise: semella que San Pedro ten dificultades para entendernos sen un traductor. Rótulos en castelán, prédicas en castelán, anuncios en castelán e, ¡horror!, catequeses en castelán. Como teño oído fino, detívenme a escoitar as palabras, en castelán claro,  dunha catequista a uns probes rapaces e rapazas a quen preparaba para a comuñón e fiquei pampo, abraiado, asustado das barbaridades que saían pola boca daquela bruxa adulta: o pecado, o pecado e o pecado asexan por todas partes, eis o resumo. Non puiden ver as facianas da rapazada. Mellor para min. 
  De volta das vacacións leo na prensa as insensatas palabras do bispo Reig Plá contra a homosexualidade, o aborto, o botellón e a infidelidade. Imaxínoo con esa voz atiplada, tan atiplada como a do xeneral que nos machucou durante corenta anos quen, segundo parece, deixou escola en Carpetovetonia, unha voz en falsete curil e cínico como a do presidente da Conferencia Episcopal, como a dos curiñas, sepulcros branquexados (que dicía Cristo), que non deixan de aborregar á poboación coas súas manifestacións verbais que van contra a liberdade (sagrada) dos indivíduos. Curiosamente, o bispo Reig Plá, coincidente no apelido cun nefasto bispo fascista da guerra e postguerra, esqueceuse de falar do peor pecado, do pecado máis noxento e vomitivo que é o da pedofilia, un pecado no que os seus amigos da curia, e pode que el mesmo, son un colectivo especial e asiduamente practicante. ¿Por que se esquecería de falar da pedofilia? ¡Que desmemoriado!
  O político máis preclaro que houbo na historia de España foi Mendizábal. Na historia de Galiza tamén houbo políticos preclaros, como Bóveda ou Castelao, pero esa é outra historia. Mendizábal tivo a clarividencia, e tomou a sabia decisión, de desmontar a parafernalia ideolóxica e económica do clero, e ordenou a desamortización dos seus bens. A mágoa é que a cousa se frustrou. O meu amigo Xan G. e eu temos a idea de recuperar a súa figura e o seu empeño. Andamos dándolle voltas á posibilidade de facer unha fundación: a Fundación Mendizábal, para que, co tempo, e unha vez que a cidadanía deste Estado non confesional se vaia sumando, poidamos recuperar o traballo que aquel ministro  de Facenda deixou inacabado. Eu, polo de agora, ando experimentando con maquetas dos posibles edificios que acollerían á Fundación. Son maquetas de considerable tamaño elaboradas cunha goma inchable da miña invención que ten unha grande resistencia. As maquetas poden albergar ata dez persoas, as ideais para reunirse e comezar a confabular. Teñen a vantaxe estas maquetas, ignífugas e de excelente illamento, que se desinflan en poucos segundos e que poden instalarse rapidamente en calquera lugar, por exemplo na cercanía das igrexas para interromper con altofalantes a todos os curas que en Galiza se dirixan aos fieis en castelán, ou para interromper aos bispos como ese tal Plá cando largan pola bocaza esas barbaridades. Podemos traballar varias igrexas nunha mañá. Se veñen as forzas da orde coa porra en ristre, desinflamos e recollemos o petate. Se veñan excomungarme, agardarei con cortesía e ilusión. Dunha destas maquetas, quizais a que vos mostrarei, se temos sorte, sairá o edificio construído con pedra do país onde se ubicará a sé da Fundación Mendizábal.



              
                                     Maqueta para o edificio da Fundación Mendizábal



                                            Saúde e República . OLAFSON MOKK