Comentario:
Estimado Olafson: Sigo con interese o teu Blog (coido que en galego dise blogue) e comparto moitas das cousas que nel dis, outras son máis discutibles. De acordo en que o poema que escribiu Luz Pozo Garza en louvanza de Fraga Iribarne é para deixar abraiado ao ghicho máis sereo do mundo, que foi un poema inoportuno e difícil de entender, mesmo que é un poema moi malo, pero outra cousa ben distinta é que califiques como caca a toda a poesía de Luz, unha poesía con luz, brillante, e mesmo en moitas ocasións emocionante. Coido que con esa túa radical adxectivación tiras pola borda a credibilidade das túas apreciacións. Modérate un pouco, que ser de esquerdas non consiste en ser esaxerado. Ti mesmo falas da inxustiza con frecuencia. Aplícate o conto: coido que é inxusto que lle chames caca á beleza, aínda que de cando en vez caia un cagallón enriba dela. Con toda a miña simpatía. ALFONSO ÁLVAREZ CÁCCAMO, Oia (GALIZA).
Olafson Mokk
lunes, 20 de febrero de 2012
miércoles, 15 de febrero de 2012
A TRANSPARENCIA
Un dos comentarios insensatos, de entre tantos que a xente larga pola boca ou coa pluma, que máis carraxe me produce é o ingrato tópico de que os políticos/as son todos uns corruptos. Calificar á clase política dese xeito non só é insensato senón, sobre todo, profundamente ingrato e inxusto. Eu afirmo que non é certo, e que non hai máis que revisar a Historia. Coñecín e coñezo xentes dedicadas á Política con auténtico afán de servizo, persoas que dedican moitas horas, ou todas, do día coa ilusión de tentar solucionar os problemas da colectividade, vocacionais e mesmo soñadores/as dun mundo mellor. Moitos e moitas fixeron e fan grandes esforzos e incuestionables sacrificios -algúns o da propia vida- defendendo con altruismo valores de ben e de xustiza para todos, loitando polo benestar dos pobos aos que representan.
¡Claro que hai políticos corruptos!, e carniceiras, e pallasos, e domadores, e profesores, e médicas, e avogados, e actrices, e xastres, e empresarias, e soldadores, e presidentes de clubes de futbol, e obreiros da construcción, e vendedoras ambulantes... pero son excepcións. Sinxelamente sucede que o ámbito de influencia e de decisións dun político/a é inmensamente máis amplo co que podemos ter os que nos dedicamos a outras profesións. O simplismo da afirmación de que os políticos son corruptos cheira mal, fede a rancio alento reaccionario, ule ás proclamas daqueles que desexarían que Franco resucitase. Os que se autodenominan apolíticos confírmanse como negadores da esencia social do ser humano, da antiquísima distribución de funcións que xa nacera no Neolítico e que os gregos souberon definir como representantes da organización da Polis.
Undangarín non é un político senón un tafur sen escrúpulos, un ladrón que roubou onde puido pero que tería roubado ata a arxila dun obradoiro, en definitiva un canalla porque roubar ao país e roubar máis ca nada aos pobres, que os hai a milleiros. Os familiares que sabían das súas andainas tamén son uns corruptos. O único que teño constatado verbo da corrupción dos políticos/as é que ao longo da historia se dan moitos máis casos entre os de dereitas que entre os de esquerdas. Por algo será.
Na Política, como en todas as profesións, cómpre saber retirarse a tempo ante a tentación ou ante a falta de clarividencia para seguir no trafego, e retirarse sen salferir mala baba ou sen rachar as ilusións colectivas.
No ano 2001, diante da sospeita de que había negocios turbos por parte do alcalde da vila de Nordal (Gurzonia), construín un sinxelo Monumento á Transparencia que ubiquei diante da Casa do Concello. Este feito desencadeou unha serie de actos reivindicativos que desencerellaron a trama corrupta e provocaron a dimisión do alcalde. O monumento converteuse nun símbolo e hoxe está instalado no fermoso Val de Nordal. Alí, en Gurzonia, non existen os vándalos brutais e incultos que destrúen o patrimonio común, como sucede neste maleducado país (ao que, por certo, se lle suprime a asignatura de Educación pola Cidadanía), e segue resplandecendo; a xente non lle guinda pedras para crebar o cristal, nin o pinta con esprais, senón que lle saca brillo. Diante dos edificios dos Parlamentos e dos Concellos, e de todos os locais públicos ou privados onde se tomen decisións que afecten á cidadanía, deberiamos ubicar réplicas deste monumento e desa maneira observariamos, cando rematen as reunións decisorias e os artífices regresen ás súas casas, quen torce a cara ao enfrontarse ao cristal e quen mira con claridade ao seu través.
Saudiña. OLAFSON MOKK.
sábado, 11 de febrero de 2012
Dancemos e cantemos, benditos/as.
¿Que podemos facer ante tanto descalabro? preguntoume un amigo, a min que non son case ninguén, que na suma son só eu e as xentes que amo e na resta son eu menos as circunstancias que aborrezo.
¿E ti mo preguntas a min?
Eu non che sei, meu amigo, qué podemos facer ante tanta desfeita. Rir agora é de parvos. Chorar agora é propio de pusilánimes, imbéciles e escuros, deses que criticamos no noso himno... que criticabamos, quero dicir, porque agora o himno vaise cantar a varias voces, todas desafinadas, e a ver quen é o listo/a que pode volver xuntar o coro.
Eu, ante o estúpido descalabro que tanto agardaba a dereitona e a dereita só se me ocorre, polo de agora, non pensar nel e convidarvos a cantar e a danzar, ao xeito de Zorba o grego, cos brazos tentando atrapar pombas como na fermosa melodía do Zeca, e moito coidadiño que agora as gueivotas van picañar máis e máis a gusto, co gusto que nós, os/as nacionalistas galegos/as lles brindamos. Sen embargo, como Zorba, eu brindo porque algún día volvamos ser sensatos.
No ano 2002 construín para o Teatro da Danza e da Música de Mimbrano este monumento de catro metros de altura e seiscentos quilos de peso, feito con discos de vinilo inservibles que reciclei. A música que levaban nos seus microsulcos non desapareceu senón que se transformou dentro da figura na melodía que cadaquén queira escoitar. Dancemos e cantemos, pois, benditos, que é un xeito fermoso de unión pero tamén serve, se se fai con forza, para espaventar aos corvos que tenten roubarnos os ollos e as gueivotas que soñen con suplantarnos. Abride ben os brazos, cantade ben alto e danzade como Zorba o grego, e xa veredes cómo dentro do voso corazón entra unha airexiña fresca de esperanza por tempos mellores. Cantade o que queirades, pero polo de agora deixade os himnos para mellores ocasións.
OLAFSON MOKKviernes, 10 de febrero de 2012
ESTADO de REVÉS
Indivíduos e indivíduas da caste á que pertence Esperanza Aguirre, personaxes deses e desas que tantos hai neste país e nos paises que limitan co Padornelo e os Pirineos, paisanos públicos e privados deses que teñen pendurado no salón da súa casa un cadro reversible co retrato de Franco na cara e o de Mariana Pineda no envés, por se veñen visitas, falan coa boca grande, e cada vez con maior asiduidade, do Estado de Dereito como quen recita unha desas máximas integristas do Catecismo do padre Artete. Polo visto estamos nun Estado de Dereito que, segundo din, puxo o punto sobre o i coa decisión xudicial contra Garzón quen xa non poderá enxuizar os crimes do franquismo.
Na transición entre o franquismo e o neofranquismo desta Monarquía á que lle puxeron os apelidos de Constitucional e Aconfesional (apelidos dos que, polo observado, a propia monarquía renega) preguntáronos nun referendum se queriamos o que ao principio deste parágrafo indiquei: máis franquismo ou unha monarquía, e claro, eliximos o segundo; é algo así como se nos desen a escoller entre un puñazo ou unha labazada, e os españois escolleron (eu non, que non votei por ser cidadán gurzonio) a un rei a quen deixara no seu trono o seu curmán de Zumosol, un sanguinario militar nacido no Ferrol de El. Ao cabo, do invento, xurdiu un Estado recauchutado en gran parte grazas ao nefasto Alfonsito Guerra quen dixo que non xogaba se non había café para todos, e aí xurdiu o Estado do Revés que podedes ver no mapa deseñado no ano 2008 polo meu entrañabel amigo Omacca Czeravla Oslec, o cartógrafo máis realista e menos Realista que coñezo.
Eu preferiría que no canto dun Estado de Dereito tivésemos un Estado de Dereitos: dereito á educación gratuita para todos/as, dereito ao traballo, dereito a xulgar aos verdugos do franquismo, dereito a que se recoñecesen as súas vítimas, dereito á igualdade para as mulleres, dereito a que a Igrexa deste Estado aconfesional se dedicase só a rezar e non a militar contra a liberdade das persoas, dereito á autoderminación dos pobos e , entre outros moitos máis, pero sobre todo, dereito a escoller o Xefe do Estado e que non nos veña dado pola cor azul da súa hemoglobina.
OLAFSON MOKK
jueves, 9 de febrero de 2012
Caneiro e outros tertuliáns/ás.
Como xa dixen o outro día, son afeccionado a escoitar as tertulias da radio, especialmente da Galega. Salientei a intelixencia, a verba precisa, a claridade de ideas de Pilar García Negro. A esa lista de bos e boas tertuliás, engado agora a de Xavier Vence, tamén só contra todos como Pilar. Outro excelente comentarista é Paco Trigo quen cos seus disparos de simpatía, e tamén de clarividencia, desarma con facilidade ao contrincantes. Fico pampo, abraiado e algo tristeiro ao comprobar que un home que sempre considerei de esquerdas, Xosé Carlos Caneiro, pasou radicalmente de bando e arremete con saña, e con pouca graza por certo, contra a CIG sempre que ten ocasión. Que o faga o cascarrabias (por dicir algo suave) de Pita nin me estrana nin me emociona negativamente porque nunca lles dou categoría a eses neodemócratas que teñen un pe (por falar dunha extremidade humana) enchoupado na lama do pasado máis reaccionario (por dicir un eufemismo). ¡Pero que Caneiro despotrique contra a CIG, non o entendo! ¿Cambiáronme a este Carliños ou era así sempre e eu non o sabía?
No ano 1987 construín unha instalación en Mimbrano, a capital de Gurzonia, co pertinente permiso municipal para dúas horas, que consistía nun anuncio xigantesco pendurado das ventás dun rañaceos. En fronte, noutro edificio situado na beira dereita da rúa, instalei unhas escaleiras. Ao pé destas, un cartaz dicía: "Por só un curgús (a moeda gurzonia, equivalente a dez céntimos de euro) poderá vostede contemplar este anuncio desde a mellor posición posible". Nesas dúas horas subiron polas escaleiras 1.237 persoas polo que recadei uns 123 euros, suficientes para pagar o devandito permiso municipal. Só tentaba comprobar ata que punto o ser humano pode ser manipulable, sobre todo tendo en conta que desde a beirarrúa podía contemplarse o anuncio de valde.
A manipulación dos seres humanos pode facerse con diferentes técnicas. A máis utilizada é a do bombardeo constante. Se teimudamente se repite que os sindicatos son nefastos, ou se a clase política é un lastre, algo vai quedando no pouso do pensamento dos indivíduos, e o cerebro, xa ben cavado e estercado, doadamente estará disposto para a semente, a perniciosa semente dos perversos sementadores. Caneiro fixo un chiste, un dos seus malos chistes, cando tras a dorosa queixa doutro tertulián que se laiaba de que en Galiza houbese 260.000 parados, raposeiramente indicou que había máis en Andalucía, e ficou tan pancho. ¿Que che fixeron Caneiriño? ¿Que emprego che ofreceron? ¿Por cales escaleiras andas a subir? ¡Que tristura!
OLAFSON MOKK
sábado, 4 de febrero de 2012
De novo con vós.
Por razóns técnicas alleas á miña vontade non puiden escribirvos os meus pensamentos durante esta semana. As razóns técnicas podo resumilas nunha soa frase: en Galiza con estes gobernantes actuais vivimos no terceiro mundo. É propio do terceiro mundo que suframos apagóns de luz constantes. Eses apagóns producen avarías no meu ordenador. E iso foi o que pasou. Posiblemente, de toda Galiza, o alcalde máis inútil que exista sexa o de Oia, localidade na que eu vivo desde 2003. É un indivíduo, rodeado duns concellais do PP absolutamente incapaces de solucionar un só problema á veciñanza. O PP leva aquí desde a desaparición do primeiro franquismo. Agora, no segundo franquismo, seguen sendo elixidos malia a súa manifesta ineficacia. Unha das mostras máis palpábeis desta ineficacia é que son incapaces de solucionar os constantes apagóns de luz que tanto mal fan nesta bisbarra sudoccidental de Galiza, o territorio da recauchutada Penínsua Ibérica que máis enerxía eléctrica produce. Paradoxos terribles estes. Paradoxo terrible é ver convertido este potencial paradiso que é a Nosa Terra no país dos refugallos, da improvisación e da reverencia a todos os personaxes que o único que fan é danar a nosa identidade.
Durante esta semana pasaron moitas cousas. Na Cultura ben poucas porque estes indivíduos do PP, desde Madrid ata Galiza teñen o obxectivo -que están cumprindo- de desmantelala, pero resistiremos. Outros axúdanos, por exemplo os que toman decisións como a de desprezar o legado fotográfico de Pacheco, máis de 60.000 fotografías, memoria magnífica de Vigo e bisbarra e outros/as continúan ensalzando a figura dun fascista nacido en Vilalba que o único que fixo por Galiza foi pasar a apisonadora e que en España formou parte dun goberno golpista e criminal.
¡Que vergoña o poema de Luz Pozo na Voz de Galicia louvando a Fraga! ¡Que tristura ler eses versos puñeteiros escritos por unha poeta que antes eu admiraba! Agora xa non podo facelo. Os seus versos, todos os dela, se me converteron en caca.
Fronte á caca, tamén seguiremos resistindo. A familia do meu querido Alfonso Álvarez Cáccamo, a súa nai María Luisa Cáccamo Frieben e os irmáns do primeiro Xosé María, María Elena, Celso e Berta, veñen de donar á cidade de Vigo e a toda Galiza un importantísimo arquivo, froito do traballo de catro décadas do amoroso traballo de Xosé María Álvarez Blázquez, á Fundación Penzol. Pensa esta familia que aínda hai solucións para tentar frear o desmantelamento da Cultura Galega. Pode que sexan uns inxeis.
Tentaremos que continúe brillando a luz. Tentaremos acender todos os fachos, as lámpadas, os flexos, os focos, as lanternas... Tentaremos que continúen escintilando as estrelas e sorrindo a lúa. No ano 1979 non estaban as cousas peor que agora, ¿quen o diría?, e daquela construín un monumento á luz eléctrica, titulado "A comunicación dos flexos" coa esperanza de que a negrura se tinguise de luminosidade. Hoxe volvo acendelo antes de que todo fique ás escuras. Olafson Mokk.
Os monumentos.
A Humanidade construiu monumentos e erixiu estátuas desde tempos inmemoriais. Os monumentos raramente foron edificados, tallados, modelados, artellados, soldados, cementados, gravados, pintados e/ou ensamblados para conmemorar a paz. As estátuas raramente foron esculpidas para homenaxear ás mulleres que son as que levan o peso da Humanidade desde tempos inmemoriais. ¿Por que non un monumento ás nais dos soldados descoñecidos?
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
